:. SESIÓN DO CLAUSTRO DO 13/09/2002.

ORDE DO DÍA

  • Debate e aprobación, se procede, da Normativa de elaboración e aprobación dos Estatutos.

  • Debate e aprobación, se procede, do proxecto do Regulamento de Réxime Interno Provisional do Claustro.

  • Elección da Comisión de Estatutos, da Comisión Electoral e da Comisión de Conflictos.

DESENVOLVEMENTO

Primeiro Punto.

Neste punto, tratáronse as seguintes emendas presentadas por Cupas.

1. No artigo 2, referente á elección dos membros da Comisión de Estatutos, aceptouse que cada sector elixise ós seus representantes, cousa que era presuposta pero que non viña especificado na devandita normativa.

2. No artigo 3, tamén se aceptou unha emenda que ía no mesmo sentido da anterior: "no proceso de elección cada sector votará a un máximo dun 70 % dos representares a elixir dentro do sector correspondente.

3. No artigo 12 tiñamos dúas emendas: “O proxecto na súa totalidade, deberá ser aprobado pola maioría dos membros da Comisión, con excepción dos artigos que atinxan ós diferentes sectores da comunidade universitaria representados no Claustro, que necesitarán dunha maioría de 2/3” e "Os artigos dos Estatutos que atinxan (...) en votación final no Claustro" tendentes, ámba-las dúas, a  garantir un amplo consenso en temas de PAS. A primeira delas foi rexeitada, e a segunda retirámo-la nos mesmos para chegar a un consenso.

Segundo Punto.

1. No artigo 9, referente á composición da Mesa do Claustro, había dúas propostas inicias no borrador.

”A mesa do claustro estará composta polos seguintes membros:

[...]

b.1) O Secretario, que será o o Secretario Xeral da Universidade.

b.2) O Secretario, que será o Secretario Xeral da Universidade, con voz pero sen voto.

[...]”

A primeira opción foi asumida e defendida polo Sr. Rector como unha proposta persoal del. A segunda, foi defendida por CUPAS argumentando que o Secretario Xeral foi imposto pola LOU como membro nato do Claustro, en contraposición ó resto de claustrais que foron elixidos democraticamente pola comunidade universitaria, polo que non debería ter voto na Mesa. Finalmente, aprobouse a nosa proposta en votación, no que, para nos, era un dos puntos máis importantes do Claustro.

2. No artigo 13, referente á convocatoria do claustro, tamén había dúas propostas iniciais:

1.a.- “ A convocatoria do Claustro corresponde ó Rector, que deberá tamén convoca-lo Claustro por proposta do Consello de Goberno. O Rector deberá, así mesmo, convoca-lo Claustro cando sexa solicitado, alomenos, por un vinte por cento dos seus membros. Neste caso, os solicitantes deberán indicar tamén o punto ou puntos que desexan tratar na sesión."

1.b.- “ A convocatoria do Claustro corresponde ó Rector, que tamén deberá convoca-lo por proposta do Consello de Goberno ou cando sexa solicitado, alomenos, por un vinte por cento dos membros do Claustro. Nestes casos, os solicitantes deberán indicar tamén o punto ou puntos que desexan tratar na sesión, que serán os únicos da orde do día correspondente. Esta convocatoria non poderá aprazarse máis de 15 días naturais"

Estívose a piques de chegar a un acordo que consistía en engadir á opción 1.a.) un prazo máximo de 30 días para a convocatoria do Claustro, cando este fora solicitado por, alomenos, un vinte por cento dos claustrais. Pero, finalmente, o Sr. Tojo non aceptou a proposta e foise á votación, resultando elixida a opción 1.a.) coa súa redacción orixinal.

Terceiro Punto.

1. Comisión de Estatutos. En Cupas decidimos presentar só dous candidatos dos tres posíbeis, para deixarlle representación a Queicoiñas. Estes retiraron un dos dous candidatos que presentaran, polo que xa non houbo votación. Os nosos representantes na Comisión de Estatutos son Xan Cebro e J. S. Santos.

2. Comisión Electoral: Produciuse a mesma situación que na comisión anterior. Por Cupas están David Basalo e Nuria Andión.

Salientar, tamén, que CUPAS trasladou ó Claustro un comunicado de protesta dos sindicatos, e dos tres sectores, pola exclusión dos representantes sindicais no Consello de Goberno.

Por último, convidar de novo a todas e todos as compañeiras e compañeiros a participar activamente nun proceso de grande importancia para a nosa Universidade como é a elaboración dos Estatutos. Se queres poñerte en contacto con CUPAS, podes escribir ó noso enderezo electrónico cupas@uvigo.es.