Un grupo
de compañeiros e compañeiras, funcionarios e laborais, unidos na visión e
defensa dunha Universidade pública, democrática e de calidade, decidimos
constituir unha candidatura para presentarnos ás eleccións ó Claustro que celebraranse o próximo día 7 de maio. Converxencia Unitaria do PAS, defínese
como plural, aberta, independente e progresista, abranguendo as diferentes
tendencias e ideoloxías que están presentes no noso colectivo para facelas
converxer nunha serie de obxectivos esenciais e comúns: a defensa de democracia
na Universidade, da ensinanza pública e da dignificación da labor do PAS.
Como todos sabedes, nesta nova etapa que comeza na
vida universitaria o Claustro terá que elaborar uns Estatutos para adaptarse á
nova lexislación. A aprobación e entrada en vigor da Lei Orgánica de
Universidades supón unha agresión para a democracia e a autonomía
universitaria xa que instaura un modelo elitista, xerárquico e antidemocrático
no funcionamento institucional e dos órganos de goberno e de representación.
Polo tanto, e na medida que nos sexa posible, necesitamos paliar os efectos
negativos da citada Lei a través do que se dispoña nos novos Estatutos. A
tarefa que nos espera é de suma importancia se non queremos perder unha boa
parte dos dereitos que xa tiñamos acadados e tamén para procurar mellorar o xa
conseguido.
Converxencia Unitaria do PAS é a única
candidatura que integra e conta co apoio dos membros da CIG, CC.OO e UXT con presencia
en ámbolos dous órganos de representación do PAS: Xunta de Persoal funcionario e Comité Intercentros.
Converxencia Unitaria do PAS componse de persoal funcionario e laboral dos distintos ámbitos (Servicios, Centros e
Campus) que comparten idéntica estratexia: a defensa de todo o colectivo de
traballadores, ó marxe da súa pertenza a un sector concreto, coa intención de
achegar as experiencias e inquedanzas de todo o persoal e plasmalas nunha
alternativa conxunta e unitaria.
Converxencia Unitaria do PAS é independente de calquera grupo de poder que aspire a
gobernar a Universidade e se guía tan só pola salvagarda dos dereitos e intereses do PAS, así como polo
funcionamento democrático e transparente da Universidade. Neste senso, nunca
serviremos de soporte ou escudo para o desenvolvemento das políticas dos
diferentes equipos de goberno.
Converxencia Unitaria do PAS oponse radicalmente á concepción da Universidade dun xeito
mercantilista, competitivo ou empresarial, que ten como finalidade a búsqueda
da rendibilidade económica e desvíase do seu compromiso como Institución
pública de educación superior. Polo tanto, seremos críticos e combativos ante
calquera intento dos grupos de poder ou presión, tanto universitarios como
extrauniversitarios, de implementar procesos de privatización dos servicios ou
que pretendan aplicar un modelo de Universidade alleo á función pública que ten
que desempeñar: a docencia, a investigación e a xestión pública universitaria ó
servicio dos cidadáns e da sociedade en xeral, segundo parámetros de calidade baseados
nun financiamento público suficiente e axeitado.
Converxencia Unitaria do PAS, en fin, está aberta e necesita de tódalas
contribucións que poidades realizar, sen apriorismos, exclusións nin condicións
de ningún tipo.
En resumen, anunciamos a presentación ás eleccións ó Claustro da nosa candidatura. Esperamos contar co voso apoio e
colaboración activa.
|